viernes, 19 de diciembre de 2025

AGASALLOS DE NADAL

Ola, de novo, superlectores de Sobrado!

Menuda sorpresa me atopei hoxe cando espertei... Un superagasallo para min!! Para o rato Frailiño!! Un boneco personalizado meu! Que ilusión!!!!!

Está claro que este ano debín portarme moi ben, por iso Papá Noel me trouxo este regaliño por adiantado! Estou encantado! Ningún agasallo podía gustarme máis que este! A partir de agora sempre ides ver o meu boneco na biblioteca e espero que vos guste tanto como me gusta a min.

Pero... vós tamén estades de sorte!!! Menudo día hoxe! Agasallos do amigo invisible, feitos por todos vós, un agasallo meu para que teñades algo para ler este Nadal e... agasallo de Papá Noel!!

Cantas emocións nunha mañá porque ademais... Papá Noel visitou a nosa biblioteca e encargouse de darvos todos os vosos agasallos!! Vaia sorte tivemos, de que Papá Noel fixera esta entrega por adiantado. Queda claro que a elfa Estrela e o elfo Duendín lle dixeron que vos portastes moi ben e... por iso decidiu visitarvos antes de que remate o colexio, para poder vervos a todos xuntos/as!!

Desfrutade moito das vacacións e... vémonos en xaneiro na biblioteca!!

BO NADAL!!!!

BO NADAL!!

Bo día, superlectores de Sobrado!
Hoxe é o último día deste trimestre e dáme moita pena non vervos durante os días máis especiais do Nadal, pero é o momento de descansar e de desfrutar do tempo en familia.
Envíovos os meus mellores desexos e agradézovos o vivido ata agora: as vosas visitas á biblioteca, o ben que coidades e tratades aos meus libros e ao resto de material, pero sobre todo encantoume escoitar as vosas risas durante estes meses, que enchen de maxia a miña biblioteca.
Espero que en xaneiro veñades con moitas ganas, pois quedan moitas aventuras novas que vivir no noso cole e nesta biblioteca!


 Bo Nadal e feliz 2026!! Que a maxia da lectura vos acompañe!!

martes, 16 de diciembre de 2025

LOGOS E PRIMEIRAS LECTURAS DO CLUB DE LECTURA

Bo día, superlectores!

Os dous grupos do Club de lectura, eliximos un logo para cada club. O grupo de 3º e 4º, tivo como gañador o logo creado por Uxía:





 


O grupo de 5º e 6º tivo como logo gañador o realizado por Antía.

Ademais, os dous grupos estiveron preparando unha sesión de contacontos de Nadal, para os cursos máis baixos do cole.

O venres poderán desfrutar da lectura do conto "Sempre Nadal" o alumnado de Educación Infantil e do conto "Enredo no Nadal" o alumnado de 1º e 2º de primaria.



lunes, 15 de diciembre de 2025

CONCURSO "RECEITAS DO CAMIÑO"

Bo día, superlectores de Sobrado!

Como xa sabedes, propuxémosvos un concurso de receitas, neste primeiro trimestre, con produtos de outono. As receitas participantes tiñan todas unha pinta boísima!!! Foi moi difícil tomar unha decisión... Compártovos os gañadores e gañadoras:

Imos ter a sorte de degustar as receitas de todos estes compañeiros/as do cole no noso comedor escolar!! Empezaremos o xoves 18 de decembro coa degustación. Seguro que vos vai encantar!!

Máis adiante, poderedes ver todas as vosas receitas formando un libro que se encontrará na miña casiña: a biblioteca.

O rato Frailiño

viernes, 12 de diciembre de 2025

FELICITACIÓN DE NADAL DO ALUMNADO DO CEIP DE TEIXEIRO

Bo día, superlectores de Sobrado!

Hoxe chegou ao cole unha felicitación de Nadal moi especial. Envíannola os nenos da aula de 4ºB do CEIP de Teixeiro. Moitas grazas por esta felicitación tan bonita e creativa!!


Con agarimo,

O rato Frailiño

miércoles, 10 de diciembre de 2025

ELFA NO RECUNCHO DE CONSTRUCIÓNS

Bo día, superlectores de Sobrado!

A elfa Estrela e o seu novo compañeiro, o elfo Duendín, seguen facendo trasnadas polo cole e... volveron a nosa biblioteca!

Esta vez, viñeron a desfrutar do noso recuncho de xogos de construción e crearon unha árbore de Nadal moi fermosa!!!!!



Estes dous elfos séguennos propoñendo retos cada día. Hoxe anímannos a seguir creando adornos de Nadal con elementos de refugallo. Queren que nos convirtamos nuns auténticos artistas e que nos encarguemos de contaxiar a ilusión do Nadal por este cole. Están sendo uns días moi animados!!

martes, 9 de diciembre de 2025

MALETA VIAXEIRA DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Ola de novo, superlectores de Sobrado!

Hoxe estou un pouco triste, porque me teño que despedir desta supermaleta que me acompañou durante un mes na biblioteca: a maleta viaxeira do Camiño de Santiago.

Esta maleta, chegou a noso cole porque este ano decidimos solicitar unha malet viaxerira á Asesoría de bibliotecas escolares, a cal a deixa en préstamo durante un mes aos centros educativos galegos.

Este curso imos facer moitas actividades relacionadas co camiño de Santiago, por iso tivemos durante un mes na biblioteca esta maleta, para ir seleccionando libros, revistas, xogos... moi interesantes, sobre este tema.

NADAL NO COLE E RECOMENDACIÓNS LECTORAS DESTE MES

 Bo día, superlectores!

Este mes temos na nosa biblioteca unha selección de diferentes tipos de libros sobre o Nadal! Estanvos gustando moito e alegróme moito de que así sexa.

Tamén temos unhas novidades moooooi interesantes. Pasádevos a velas, a ver que vos apetece ler este mes!


Espero a vosa visita!!

O rato Frailiño

jueves, 4 de diciembre de 2025

A ELFA COMEZOU A SÚA VISITA AO COLE NA BIBLIOTECA

Ola, nenos e nenas de Sobrado!

O pasado luns, 1 de decembro, chegou ao noso cole unha elfa. Como xa sabedes, cada ano, Papá Noel envía elfos e elfas para que o informen dos desexos de Nadal e tamén para saber como é o comportamento dos nenos e nenas.

A elfa que chegou ao cole de Sobrado é moi pilla e un pouco traste! Comezou a súa aventura na nosa biblioteca, situándose na parte de arriba dunha máxica árbore de Nadal, elaborada con libros!

A elfa non para de moverse polo noso cole. Xa visitou o noso escenario, o corredor da entrada, o patio cuberto, a sala de profes... Ademais, cada día estanos propoñendo un reto. Está sendo un mes mooooi divertido! Ensínovos a primeira mensaxe e reto que deixou na nosa biblioteca.


Pola miña parte, estou moi contento pola visita da elfa e espero que volva a visitarme e encher de risas e ilusión a nosa biblioteca!

O rato Frailiño

jueves, 27 de noviembre de 2025

PRIMEIRA TOMA DE CONTACTO DO CLUB DE LECTURA

Ola, superlectores!

Despois de presentar o Club de lectura aos dous grupos do colexio, comezamos co primeiro reto: buscar un logo que represente o club de lectura. Cada grupo terá o seu propio logo. Deixade voar a vosa imaxinación e a ver que cousiñas se vos ocorren! Tedes unha semana para crealo. Xa sabedes que debedes facelo nun folio, de forma libre e... a ver que creacións se vos ocorren!


Un saúdo do rato Frailiño, que está desexando ver os logos que creades!

miércoles, 26 de noviembre de 2025

NOVIDADE!! O CLUB DE LECTURA CHEGA A SOBRADO

Bo día, superlectores!

Este curso iniciamos unha nova aventura en Sobrado: fomos seleccionados para participar no programa educativo "Clubs de lectura"O noso club de lectura chámase “Ler é facer camiño” e teremos dous grupos, nos que imos comezar a nosa aventura esta semana:

- Grupo 1: 3º e 4º de primaria
- Grupo 2: 5º e 6º de primaria

Xa me imaxino que vos estaredes preguntando que é isto do Club de lectura... Como o nome xa o di está moi relacionado coa lectura.

Dedicaremos un tempo á lectura, na nosa biblioteca do cole, en tempos de lecer e tamén  faremos lecturas doutra forma! Imos falar, intercambiar opinións e comentar  lecturas grupais e tamén levaremos a cabo actividades diferentes das que normalmente facemos na aula como preparar lecturas compartidas ou contacontos para poder compartilos cos nenos e nenas máis peques do cole pero sobre todo... pasarémolo moi ben compartindo entre todos/as moitas aventuras lectoras!

O rato Frailiño

jueves, 20 de noviembre de 2025

O MEU NOME É...

Ola, amiguiños/as de Sobrado!


Por fin teño nome!! Foi unha votación moi dividida porque as diferentes opcións de nome estaban moi, pero que moi ben. Pero finalmente...




Moitas grazas por participar a todos/as!


Un saúdo do voso rato FRAILIÑO 





miércoles, 12 de noviembre de 2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE OUTONO

Ola de novo, superlectores!

Este mes, na biblioteca tedes unha selección de libros moi relacionados co outono, a estación na que nos atopamos. Agardamos que vos gusten moito 😊

Tamén tedes que estar atentos aos novos contos, cómics, revistas... que imos recibindo. Que boa pinta teñen estas novidades!!

martes, 11 de noviembre de 2025

VOTACIÓNS DO CONCURSO "BÚSCASE NOME"

 Boa tarde!

Este xoves e venres, tedes que vir á biblioteca para ver todos os nomes pensados polos nenos e nenas do noso cole e elixir o que máis che guste para min.

Que nervios!!! Que ganas de saber cal será o nome gañador!




Espérovos na biblioteca!


miércoles, 5 de noviembre de 2025

SAMAÍN

Ola de novo, superlectores!

Na nosa biblioteca tivemos expostos unha selección de diferentes libros relacionados co Samaín / Halloween no espazo de "Tema do mes".

Ademais, o pasado xoves 30 de outubro, celebramos o Samaín no cole. Contamos con varios talleres: de música, de elaboración e decoración de galletas, un escape room, de manualidades... Na biblioteca puidemos desfrutar dun taller de pintacaras terroríficas. Foi moi divertido!





miércoles, 29 de octubre de 2025

CONCURSO PARA BUSCAR NOME

 Ola, superlectores!

Anímovos a participar nun concurso da biblioteca. Como xa sabedes, son un ratiño moi lector que levo anos na vosa biblioteca, pero non teño nome!! Isto non pode seguir así, así que imaxinación ao poder... que quero un nome xa!

Para participar tedes que completar un modelo de marcapáxinas que por un lado ten espazo para debuxarme e polo outro lado é onde tedes que escribir o nome que vos gusta para min.

O nome elixirase a través dunha votación entre todos os nenos e nenas do cole.

O prazo de entrega do marcapáxinas acaba o próximo VENRES 7 DE NOVEMBRO. Anímate a participar!! 😊

lunes, 27 de octubre de 2025

UNHA MAÑÁ DE CONTO

O venres desfrutamos dunha xornada de contacontos, centrados na temática da lectura e os libros, para celebrar o día das bibliotecas. 

Leváranse a cabo tres contacontos diferentes:

- O alumnado de Educación Infantil gozou dun contacontos sobre o libro "Un universo na túa maleta"

- Os nenos e nenas de  1° e 2 escoitaron a súa versión do libro "O circo dos contos"

- Os estudantes de 3°, 4°, 5° e 6° tamén puideron desfrutar do seu momento de contacontos do libro "Os Robinson e a biblioteca pirata"


Todo o alumnado conseguiu un marcapáxinas e un pasaporte lector por participar nesta actividade da biblioteca. Tamén crearon a súa propia versión dun libro, con varios personaxes elixidos en común entre todos os nenos e nenas.








viernes, 24 de octubre de 2025

INAUGURACIÓN DA NOSA BIBLIOTECA

Hoxe, 24 de outubro, celébrase o día das bibliotecas. Por este motivo, aproveitamos esta ocasión tan especial para abrir ao noso alumnado a biblioteca deste curso 2025-2026.




Comezamos a aventura lectora deste curso e hoxe desfrutaremos dunha mañá de contacontos. Agardamos que vos gusten ☺