viernes, 27 de febrero de 2026

CLUB DE LECTURA... SEN PAUSA!

Ola, superlectores!
No Club de lectura atópanse totalmente inmersos nas historias dos seus libros, pero aínda así, teñen tempo a facer outras actividades moi especiais. 
O alumnado do grupo 1, creou un mural colaborativo con debuxos e adaptacións das personaxes do seu libro. Mirade que creacións fixeron: 

Ademais, aquí tedes os retos que tiveron que resolver no grupo 2, sobre os capítulos 3 e 4 do libro:

Como vedes, a dificultade vai en aumento!!

Unha aperta, 

Frailiño
 

DÍA DE ROSALÍA

Ola, amiguiños e amiguiñas!

Hoxe quérovos falar dunha actividade moi especial que fixestes no cole… e que eu estiven observando con moita atención dende o meu recunchiño.

Para celebrar o Día de Rosalía de Castro, todo o alumnado participou na creación duns murais colaborativos cheos de arte e cor. Cada curso puxo o seu gran de area para conseguir un resultado final moi fermoso.

Inspirástesvos nunha técnica moi chamativa, ao estilo de Andy Warhol, pintando a cara de Rosalía con cores diferentes e moi vivas. Cada grupo fixo a súa versión, e quedaron unhas composicións súper orixinais e alegres.

Ademais, enchestes os murais de rosas moi bonitas, dándolle un toque aínda máis especial. E sabedes que máis me gustou? Que os cursos máis altos de primaria escribistes poemas, que logo se engadiron aos murais. Así, mesturastes arte e poesía para renderlle unha homenaxe moi completa a Rosalía.

Grazas ao traballo en equipo de todos e todas, o colexio encheuse de cor, creatividade e moito sentimento. Eu, como bo rato de biblioteca, estou encantado de ver canto aprendestes e o ben que o fixestes!

Parabéns polo voso traballo! Ata a próxima aventura lectora!

Unha aperta grande,

Frailiño 

lunes, 23 de febrero de 2026

NOVA SECCIÓN NA NOSA BIBLIOTECA: O CAMIÑO DE SANTIAGO

 Bo día, superlectores!

Como este curso estamos investigando e explorando no tema do camiño de Santiago, xa que tamén participamos no programa "Vexo, veo Xacobeo", contamos na nosa biblioteca cunha nova sección dedicada en exclusiva ao Camiño de Santiago.

Contamos con moito material variado: álbums ilustrados, contos, novelas, libros de teatro, libros informativos, folletos, libros de fotografías.... e tamén varios xogos de mesa. Espero que vos gusten moito e que sigamos aprendendo moito máis sobre o camiño!




viernes, 13 de febrero de 2026

MARCAPÁXINAS PERSONALIZADOS NO CLUB DE LECTURA

Ola amiguiños e amiguiñas!

O Club de lectura está avanzando moito nas súas lecturas e por iso xurdiu a necesidade de utilizar un marcapáxinas, para non perderse. E que mellor idea que ter un marcapáxinas personalizado, propio do club de lectura?? Aquí tedes os bocetos creados, cos logotipos do grupo 1 e 2 e abaixo, as creacións que fixeron todos os participantes no club de lectura, na outra cara do marcapáxinas.



Canta creatividade!! Son uns marcapáxinas moi orixinais! Seguide facendo actividades tan divertidas no Club de lectura.

Unha aperta,

O rato Frailiño🐭

martes, 10 de febrero de 2026

TEMA DO MES

 Bo día, superlectores!

Para desfrutar desta estación e poder acompañala cunha boa lectura, contades cunha selección de material na biblioteca, que seguro que vos vai encantar.