viernes, 27 de marzo de 2026

LETTERING NO CLUB DE LECTURA

Ola amiguiños e amiguiñas!

O grupo 1 do club de lectura estase iniciando no lettering, comezando con palabras relacionadas co libro de lectura "A cuadrilla de Castro Rosa". Para iso están utilizando uns rotuladores especiais, con efecto dobre cor e facendo moitas probas. Aquí van os primeiros borradores realizados con esta técnica:




TEMA DO MES

Ola, amiguiños e amiguiñas!

Estrenamos tema do mes… a primavera! 🌸🌼 Un tempo cheo de cor, flores e días de sol e chuvia, que tamén chegan a nosa biblioteca en forma de libros moi especiais. Seleccionei para vós historias moi diferentes, de distintos tipos e en varias linguas.

🌱 Primeiros lectores:

  • “Flores”: un libro moi visual e sinxelo, perfecto para comezar a recoñecer palabras e imaxes.
  • “Álbum de bichos”: ideal para observar insectos con textos curtos e repetitivos.
  • “Ha llegado la Primavera”: un álbum ilustrado que explica os cambios da primavera de forma clara e alegre.
  • “O ladrón de flores”: un conto divertido e fácil de seguir, con un pequeno misterio nun xardín.

🌼 Lectorado autónomo:

  • “Un día de chuvia e flores”: un álbum ilustrado con moita sensibilidade, que combina texto e imaxe para contar unha historia chea de emocións.
  • “Poemas de flores y abejas”: poesía sinxela para iniciarse no mundo dos versos coa temática da primavera.

🌳 Lectorado experto:

  • “Arbolidades”: un libro de poesía que xoga coas palabras e invita a pensar e imaxinar.
  • “Verdedades”: unha proposta poética que mestura texto e ilustración para reflexionar sobre a natureza.

Como vedes, a primavera tamén se le… e na biblioteca hai libros para todos os niveis lectores, dende os que estades empezando ata os que xa sodes expertos lectores.

Cal será o voso favorito? Eu sigo dubidando… son todos marabillosos! 🌷

Ata a próxima aventura entre libros!

Unha aperta grande,

Frailiño 🐭

viernes, 20 de marzo de 2026

SEMANA DA PRENSA

 Ola, amiguiños e amiguiñas!

Son Frailiño, o voso ratiño da biblioteca 🐭📰, e hoxe veño contarvos un resumo dunha semana moi especial no noso cole… a Semana da Prensa!

Durante estes días convertéstesvos en auténticos xornalistas e, entre todo o alumnado, creastes un xornal moi orixinal chamado: QUE PASA EN SOBRADO?

Cada curso tivo unha misión moi importante neste gran traballo en equipo. Os máis pequechiños de Educación Infantil comezastes a aventura sacando fotografías de traballos e espazos novidosos do cole. Vaia ollo que tedes para descubrir cousas interesantes!

Despois, en 1º de Educación Primaria encargástesvos de escribir os titulares das noticias, eses que chaman a atención e nos fan querer seguir lendo. En 2º de Primaria déstedes un paso máis creando os subtítulos, completando a información inicial.

O alumnado de 3º e 4º xa vos puxestes máis serios e comezastes a redactar as noticias, respondendo ás preguntas máis importantes: QUE pasou e QUEN participou.

E para rematar este gran xornal, os maiores de 5º e 6º de Primaria completastes o traballo engadindo máis detalles, respondendo a ONDE, CANDO e POR QUE sucederon as cousas.

Aquí está a vosa creación, o xornal do colexio:


QUE PASA EN SOBRADO?


Grazas ao esforzo de todos e todas, conseguimos crear un xornal único, cheo de información interesante sobre o noso cole. Eu, dende a biblioteca, non podía deixar de lelo unha e outra vez!

Parabéns, pequenos e pequenas xornalistas! 🐭✨

Ata a próxima historia!

Unha aperta grande,

Frailiño

jueves, 12 de marzo de 2026

MÁIS RETOS A RESOLVER NO CLUB DE LECTURA

Ola amiguiños e amiguiñas!

Os nenos do grupo 1, de 3ºe 4º, seguen lendo sen parar, na súa aventura do camiño de Santiago entre liñas. Están vivindo todo tipo de aventuras en cada capítulo, ante unha nova etapa da cudarilla.

O alumnado do grupo 2, de 5º e 6º, continúa tendo novos retos que superar, está sendo toda unha aventura!! Desta vez versan sobre os capítulos 5 e 6 do libro de Formig4s. Aquí podedes ver o que tiveron que superar nesta reunión do club de lectura: 




martes, 3 de marzo de 2026

NOVIDADES DE MARZO

Ola, amiguiños e amiguiñas!

Acaban de chegar a nosa biblioteca as novidades do mes de marzo. Xa vedes que non paramos de encher as estanterías con historias divertidas e emocionantes! Estiven mirando con calma todos estes libriños… e aquí vai a miña organización segundo o voso momento lector:

🌱 Primeiros lectores

  • “Álex ten vergoña”: un álbum ilustrado moi especial que fala das emocións, neste caso da vergoña, axudándonos a comprendela mellor cunha historia tenra e próxima.
🌼 Lectorado autónomo: 

Este mes chegaron varios libros da colección de cómic Bitmax&Co, que tanto vos gusta.
  • “Supercerdo”: un porquiño moi valente que vive aventuras cheas de humor.
  • “El dragón de oro”: unha historia con dragóns e acción, moi entretida.
  • “Paolo, el perro pastor”: un can traballador que nos ensina o valor da axuda.
  • “¡Salvemos a Ewo!”: unha misión chea de amizade e colaboración.
  • “¡Garfunfel en directo!”: espectáculo e risas nunha aventura moi divertida.
  • “La fiesta de Areta”: unha celebración con moita alegría e compañeirismo.

🌳 Lectorado experto:

  • Revista “O Papagaio: O planeta é violeta (8 de marzo)”: unha revista moi interesante que este mes trata temas como a igualdade, con información, cómics e propostas para reflexionar e aprender máis.

Como vedes, este mes temos lecturas para rir, para emocionarnos e tamén para pensar un pouquiño máis. Cal vos apetece levar para casa? Eu xa teño unha pequena montaña preparada! 😄📚

Ata a próxima aventura!

Unha aperta grande,

Frailiño 🐭