jueves, 30 de abril de 2026

RECTA FINAL NO CLUB DE LECTURA

Ola amiguiños e amiguiñas!

O grupo 2 do Club de lectura está rematando o seu libro de lectura. Na sesión desta semana, enfocáronse no capítulo 9 do libro e tiveron que facerlle fronte a retos deste tipo: 


domingo, 26 de abril de 2026

BUZÓN DE PETICIÓNS E SUXERENCIAS

Ola, amiguiños e amiguiñas!

Hoxe veño contarvos unha novidade que me fai moitísima ilusión!

Na nosa biblioteca apareceu un novo elemento... un fermoso buzón de madeira que foi creado co material de Polos Creativos do colexio. Agora será o encargado de gardar todas as vosas ideas para facer da biblioteca un lugar aínda mellor.

E... para que serve este buzón? Moi fácil! Se hai algún libro que vos gustaría ler e aínda non temos, ou se se vos ocorre algunha idea para mellorar a biblioteca, podedes deixarma escrita.

Dentro da biblioteca atoparedes unha caixa chea de anacos de queixo de papel 🧀. Collédeo, escribide nel a vosa petición ou suxestión e, cando rematedes, só tedes que depositalo no buzón, que está situado fóra, ao lado da porta de entrada da biblioteca.

 

Prometo revisar todas as mensaxes con moita atención. Quen sabe... igual grazas ás vosas ideas pronto chegan novos libros ás estanterías ou aparecen sorpresas na biblioteca!

Así que xa sabedes: cada anaco de queixo é unha oportunidade para facer medrar este recuncho tan especial entre todos e todas.

Anímovos a participar! Estou desexando ler as vosas mensaxes! 🐭💛

Unha aperta grande,

Frailiño 🐭

viernes, 24 de abril de 2026

FEIRA DO LIBRO - CULTIVANDO LECTURAS

Ola, amiguiños e amiguiñas!

Hoxe quérovos falar dunha actividade marabillosa que celebramos no cole… e na que participastes moi activamente, axudando a manter viva a miña biblioteca e enchendo de cor e alegría o noso xardín.

Con motivo da celebración do Día do Libro, o pasado 23 de abril, organizouse unha feira do libro moi especial, na que o alumnado de Ed. Infantil e Ed. Primaria foi protagonista. Nesta xornada, os nenos e nenas puidestes levar libros para as vosas casas a cambio dunha planta, contribuíndo así ao coidado e atención do xardín escolar.

A actividade, aberta a toda a comunidade educativa, contou tamén coa participación de numerosas familias, que se sumaron a esta iniciativa e compartiron a xornada con nós.
 
A feira completouse con diversas propostas lúdicas e creativas: un mural, zona de manualidades, espazo de estampación e pintura, zona de construción, así como un recuncho para fotografías. Todas estas actividades permitiron gozar dunha mañá dedicada á lectura e á natureza, fomentando ao mesmo tempo hábitos lectores e a conciencia sobre a importancia de coidar o medio no que vivimos.
 
Comparto con vós a continuación un pequeno vídeo resumo desta xornada, que reflicte o bo ambiente creado e a participación de toda a comunidade educativa.
 

Felicítovos pola vosa participación e entusiasmo! Ata a próxima aventura lectora! Sigamos mellorando o noso colexio xuntos!🌼🌱🌷🌸

Unha aperta enorme,

Frailiño 🐭

viernes, 17 de abril de 2026

INMERSOS NA LECTURA

Ola amiguiños e amiguiñas!

Comezou xa a última avaliación deste curso pero as lecturas non rematan aínda.

No Club de lectura seguen moi centrados e metidos nas súas respectivas historias. O grupo 2 tivo que enfrontarse nesta nova xuntanza a outros rectos lectores cada vez máis complexos. Aquí podedes ver en que consistían: 




viernes, 10 de abril de 2026

PREPARANDO... FEIRA DO LIBRO "CULTIVANDO LECTURAS"

Ola, amiguiños e amiguiñas!

Hoxe quero pedirvos a vosa colaboración, xa que estamos organizando a primeira Feira do libro do noso colexio. A idea naceu da necesidade de darlle vida a un montón de libros que levan tempo en desuso e tamén da falta de atención ao noso xardín. Por iso, ocorreusenos o seguinte: un intercambio dunha planta por 3 libros, que levaríades para a vosa casa.

Aquí tedes a información desta actividade, que se levará a cabo o 23 de abril, coincidindo co día do libro:


Este é o cartel oficial da Feira do libro "Cultivando lecturas". Animádevos a participar!!

Unha aperta grande e... vémonos na Feira do libro!

Frailiño 🐭

NOVIDADES DE ABRIL

 Ola, amiguiños e amiguiñas!

Hoxe comparto con vós as novidades do mes de abril. Estiven buscando… e atopei libros e revistas moi interesantes que xa están preparados para que os leades! Mirade que boa pinta teñen!

🌱 Primeiros lectores:

  • “Patas arriba”: un álbum moi divertido, con ilustracións cheas de animais e situacións sorprendentes que fan rir e observar con atención.

🌼 Lectorado autónomo:

  • “Rondas de Rodari”: un libro con textos inspirados no mundo imaxinativo de Gianni Rodari, ideal para quen xa le con soltura e quere gozar de historias creativas e orixinais.
  • Revista “O Papagaio: Cans espaciais en alerta!”: unha revista moi colorida e entretida, perfecta para ler pequenas historias, xogos e ilustracións moi chamativas deste mes de abril.

🌳 Lectorado experto:

  • “Elas”: un libro moi especial, con ilustracións fermosas, que nos leva a reflexionar sobre a natureza e os animais dun xeito profundo.
  • “Pantera”: unha revista chea con historias cheas de emoción e misterio, con ilustracións envolventes, perfecta para lectores que xa buscan relatos máis intensos.

Como vedes, este mes a biblioteca está chea de novidades para todos os gustos e idades. Eu xa lles botei un ollo a todos… e custoume marchar de alí! 😉 Cal ides escoller primeiro?

Ata a próxima visita á biblioteca!

Unha aperta grande

Frailiño 🐭